FARO DE VIGO-EDICIÓN MORRAZO
A xornalista Elena Gallego Abad presenta a segunda entrega da triloxía "Dragal"
"Coa policía investigando o estraño roubo da igrexa de
San Pedro, Mónica prepárase para acudir á súa cita na Poza da Moura. A moza non
sabe aínda que a noticia da desaparición de Hadrián corre pola vila coma un
regueiro de pólvora nin que alguén vixía de preto os seus pasos
.
GONZALO MARTÍNEZ PORTELA
Ao rematar de escribir o primeiro
libro, a Elena Gallego quedáballe a historia incompleta, moitas interrogantes
sen contestar e outras que habería que abrir para darlle resposta na terceira
parte desta triloxía que conta a historia de Hadrián, un rapaz que se
transforma no último dragón galego.
A autora faino ao longo de 350 páxinas -un
cento máis que a primeira parte-, nas que utiliza ingredientes dun xénero moi
en boga nos últimos anos, pero dándolle perspectiva propia, buscando nas
tradicións galegas e manexándoas como o fai un alquimista. Iso si, agora de
forma máis documentada, aproveitando referencias históricas como materia de
ficción, e con personaxes máis "traballados".
Como soe acontecer, eses personaxes van guiando a historia por onde lles peta,
o que a enriquece. Ao igual que o fai a resposta dos lectores en cada entrega, aínda
que non foi este o caso. "Ao finalizar a primeira novela comecei a segunda, que
leva case un ano rematada. Impoñíame moito respecto as reaccións do público,
pero non quería que me condicionara a continuidade da historia", sinala a
autora, que acaba de poñer nas librerías "Dragal II" (publicado por Xerais, e
que en maio fará a presentación en Fecimo) e xa ten bastante avanzado o
terceiro, co que rematará, alá por marzo ou abril de 2012, esta triloxía concibida
como unha obra única que optou por estruturar en doses de máis fácil consumo.
"Estou moi contenta coa resposta que está tendo Dragal. Tanto polas ventas como
pola presenza nas bibliotecas dos centros de ensino, convidando a que se lea",
celebra a autora.