Poucos personaxes lendarios perviven na
memoria colectiva
con máis intensidade que os dragóns, uns seres que rozan a
divindade.
En todo o mundo, en todas as épocas, existiron lendas sobre esta
figura, que traspasou o eido da transmisión oral para ocupar espazos propios
nos textos sagrados e na iconografía universal.
Os dragóns están presentes nos templos
cristiáns e budistas, en textos hebreos e musulmáns. E, por suposto, tamén en
Galicia. Tan preto que en moitas ocasións non temos conta deles.
Mais, que acontecería se o dragón de pedra situado
na fachada
dunha vella igrexa románica cobrase vida?
E se ese dragón gardase o segredo
dunha profecía milenaria, e esta se cumprise no século XXI, encarnada no noso
protagonista?

Dragal xurdiu desta idea básica: crear a historia dun rapaz
que se transforma en dragón, mais co valor engadido de inserirlle tradicións e
mitoloxías galegas. "No primeiro volume da triloxía, sen abandonar a
perspectiva do mundo real no que vivimos, puiden crear un universo propio e modelar
unha ficción fantástica que pretendía conquistar lectores de todas as idades",
explica a súa autora, Elena Gallego Abad.
Daquela, o relato desenvólvese nun escenario que podería
atoparse en calquera vila da costa: na aula dun instituto dende a que temos
unhas privilexiadas vistas sobre unha vella igrexa románica, San Pedro, que
conecta cunhas catacumbas cheas de segredos e que agocha as claves para atopar
a senda do último dragón galego.
Nas páxinas de Dragal atopamos profecías milenarias e ordes
de cabaleiros medievais, mergullámonos nas augas dunha Poza da Moura e vivimos
moitas aventuras cos seus protagonistas, Hadrián, Mónica e o párroco, don
Xurxo.