 |

O aeroporto de Peinador (Vigo, Galicia, Spain), o
aeroporto Charles de
Gaulle de Paris (Francia) , o templo do Lama de Beijing (China) e a
torre de Fukuoka (Xapón), son algúns dos lugares nos que se ceibou o
libro dentro dunha singular experiencia de bookcrossing.
Un dragón galego viaxa polo mundo
Houbo un tempo no que soñei con botar unha botella ao mar, cunha mensaxe no seu interior, para ver qué acontecía. Podía imaxinalo
facilmente. Escribiría as miñas verbas con tinta azul sobre a
superficie dunha folla de cuadrícula do meu caderno. Logo gardaría o
papel, dobrado con coidado, no interior do envase de vidro transparente,
e pecharía a botella cunha rolla de cortiza. Botaría a miña mensaxe ao
mar, nalgún lugar das nosas rías. Daquela, dende Galicia a botella
navegaría seguindo as correntes mariñas até cruzar o Atlántico... ou
mesmo dar a volta ao globo. A miña misiva
percorrería o mundo enteiro durante semanas, meses, anos... E, talvez
algún día, eu recibiría a chamada dalgún descoñecido que, na outra
extrema do planeta, dera coa botella e conseguira interpretar a miña
mensaxe de amizade. No verán de 2010, a
piques de facer realidade o soño de viaxar en persoa a algúns dos
lugares máis afastados do planeta, pensei na oportunidade única de
ceibar unha mensaxe que percorrese o mundo. Mais, no canto de agochar un
papeliño no interior dunha botella de cristal, non podía atopar mellor
xeito de comunicarme que a través das páxinas do meu libro "Dragal, a
herdanza do dragón" .
Cal foi entón a
proposta? Ceibar cinco exemplares da miña novela editada por Xerais, a
primeira entrega da triloxía do dragón, noutros tantos lugares do mundo.
O "bookcrossing", que é o nome que recibe en inglés esta iniciativa, é
unha aventura coas súas pequenas "regras". A primeira delas é
identificar os libros como "ceibes", con etiquetas no exterior que así o
indiquen. Logo poden rexistrarse na web internacional www.bookcrossing.com
para outorgarlles unha numeración que permita seguirlles a pista dende
calquera lugar do mundo, si é que a persoa que atopa o libro decide
seguir o xogo e dar noticias do seu paradoiro a través desta web (tamén
pode publicala na páxina www.dragal.eu).
Asemade, cada
libro leva impresa unha mensaxe explicativa en catro idiomas (galego,
castelán, inglés e francés), na que se indica que o libro está a viaxar
polo mundo e prégaselle a quen o atope que o ceibe de novo, logo de ler
as súas páxinas.

A aventura viaxeira de Dragal comezou o 24 de xullo, liberando o primeiro dos exemplares no aeroporto de Vigo Aínda
non eran as sete da mañá dese sábado cando, a piques de coller un avión
con destino a París, pousei o libro nun carro de equipaxes do aeroporto
vigués.A esas horas
apenas había xente no interior da terminal, mais a novela desapareceu do
lugar en cousa de poucos minutos, sen que eu tivese a oportunidade de
albiscar a persoa que puidera levala consigo. Mais tampouco había tempo de facer pescudas, así que confío que un día destes alguén deixe unha mensaxe na web www.dragal.eu e nolo conte.
A seguinte escala do dragón era o aeroporto Charles de Gaulle de Paris, a onde chegamos ás 9 da mañá en tránsito a Beijing.
A terminal 2G
deste aeroporto, destinada a acoller aos viaxeiros con destinos
internacionais, pode considerarse un bo lugar para ceibar un libro pola
gran cantidade de persoas que transitan pola mesma ou agardan o seu
voo. Trátase dun
amplo corredor con zonas de espera dende as que se accede ás distintas
portas de embarque. Algúns viaxeiros en tránsito "matan o tempo"
paseando e visitando tendas de grandes firmas e libres de impostos, nas
que facer as últimas compras. Outros len ou conversan entre eles,
sentados nas zonas de espera. Ou simplemente observan...
Un segundo
exemplar de Dragal quedou
pousado sobre un andel no que había varios
números de revistas gratuítas para os pasaxeiros das aeroliñas. Mentres
agardaba o embarque do meu voo, previsto para o mediodía, mantiven o
libro en "liberdade vixiada" durante un tempo no que varias persoas
achegáronse a el, collérono nas mans, ollaron as súas páxinas...
Nalgún momento decidín marchar, deixando que esta "botella" comezase a súa vida en solitario.
A terceira proposta deste bookcrossing estaba prevista para o domingo 25 de xullo no aeroporto
de Beijing, en China, mais cometín o erro de introducir o libro no
interior da maleta facturada directamente dende Vigo con destino á
capital chinesa. Doce horas de
viaxe máis tarde decateime de que non tiña posibilidade de recuperalo
até despois de chegar ao hotel, no centro da cidade. Desbotei entón a
posibilidade de ceibar Dragal no lugar previsto e, no canto dun
aeroporto, optei por un dos lugares máis visitados de Beijing: O templo dos Lamas.
Parte da
historia da capital chinesa foi escrita neste maxestoso templo tibetano,
o máis grande dos que os lamas teñen fóra do Tíbet, que no seu día foi
pazo do príncipe Yongzhen. Ubicado nunha das zonas tradicionais da
cidade, trátase dun dos complexos relixiosos máis importantes desta
urbe.
O
lugar elixido para ceibar a novela do dragón foi un dos seus fermosos
xardíns paisaxistas, ao pé da leoa que protexe a entrada do principal
edificio do complexo. A pesar do
abafante calor do estío chinés, por alí transitan a diario centenares de
turistas, ademáis dos numerosos fieis que acuden a facer as súas
pregarias entre nubes de incienso queimadas na honra de Buda.
Nos minutos
seguintes á liberación de Dragal puiden observar que o libro era obxecto
de curiosidade por parte de numerosas persoas.
As imaxes son testemuña do interese suscitado por este libro galego. Algún deles entendería a nosa lingua?
Nesta viaxe polo Oriente, Dragal fixo outra das súas escalas na cidade de Fukuoka, situada da illa de Kyoshu (Xapón).
Esta urbe
considérase o lugar de nacemento da civilización xaponesa e grazas á súa
situación, atravesando o estreito de Corea dende a cidade de Busán, é
actualmente un centro de intercambio cultural de Asia Oriental. Qué lugar mellor para ceibar outro libro do dragón que o miradoiro da moderna Fukuoka Tower? Con 234 metros
de altura, o edificio máis alto do Xapón situado na mesma liña de costa
é un atractivo observatorio preparado para resistir terremotos de forza
7 e ventos de até 63 m/seg.
O observatorio,
repartido en tres plantas, está situado "só" a 123 metros de altura aos
que se chega nun ascensor que tarda 70 segundos en subir. Neste lugar,
con fermosas vistas sobre un mar de illas misteriosas, quedou pousado un
exemplar da novela, disposto a comezar unha nova andaina xaponesa.
Un quinto libro
de Dragal navega polos mares de oriente, mais neste caso non está
numerado.
Este exemplar da novela forma agora parte da biblioteca dun
barco de cruceiro que está a percorrer o Mar Amarelo.
O dragón, que
xa conquistou a unha parte da tripulación do buque (qué fantástico é
termos un idioma tan próximo ao italiano!) agarda compartir a súa
historia con outros viaxeiros interesados pola lingua e a literatura
galegas, mentres navega polos afastados mares do outro lado do globo.
Houbo
un tempo no que soñei con botar unha botella ao mar, cunha mensaxe no
seu interior, para que viaxase pola mar océana. Houbo tamén un tempo no
que soñei con escribir e publicar un libro... Desta vez uníronse dous
soños e, dende Galicia, o meu dragón sucou os ceos do Occidente até
cruzar o mundo.Agora, cinco
exemplares de Dragal son ceibes e están a viaxar na procura de novos
lectores que os descubran. Poden pasar semanas, meses, anos... e talvez
dende a outra extrema do planeta, en calquera momento, un descoñecido se
poña en contacto para dar conta da súa particular aventura co dragón
galego.
|
 |